A Reboreda.

022areboreda

Porque me peta ceibo agora estas letras (ben sabes que son impulsivo…). Porque levan un tempo remexendo dentro. E porque son Reboredo tamén e me presta selo.

Admiro a túa coraxe pra seguir manténdote firme nas túas crenzas, sostendo a testa erguida desde certo aire de indignación, polo xeral xustificada. Gústame que te indignes ante a inxustiza e que te enerves ante a imbecilidade. E que o fagas desde unha honestidade que nace en ti mesma e que só así se pode presentar ante os demais.

Penso que os dous pagamos un prezo por ser fieis a nós mesmos, percorrendo camiños distintos, perdéndonos e non deixándonos enganar por atallos superficiais. O teu debuxáchelo co corazón cheo de coraxe e do mesmo xeito percórrelo hoxe. Sei que non foi fácil. Sei que non o é. Pero, aínda nas treboadas, non decaes e segues adiante. Caíches polas trampas doutros, seino. Pero erguícheste das cambadelas e tamén dos tropezos propios. E fixéchelo sen caer no odio do que fuches vítima. Alá eles, Mo. Os que teñen miseria dentro cospen miseria ó mundo e ós demais. Os que non respiramos esa maldade insá paseamos por corredoiras menos merdentas.

Quizais é certo que non é este un mundo que sexa moi amable coa sensibilidade. Pero que somos se non mantemos viva a chama do que somos? Ti es en esencia. Gardas unha sensibilidade que protexes e sei que es máis do que amosas. Moito máis. Síntoo polos que non son capaces de velo. A pesares desas ocasións nas que se paga o prezo de sufrir, sempre é mellor sentir que ser unha pedra xeada e indiferente. E ti es a antítese da indiferenza. E achégaste desde o sentimento, apadriñas desde a xenerosidade e ris desde a sinceridade. Guerrilleira ante a hipocrisía.

Non sei cantas veces pelexamos, leas de dous irmáns con carácter. Hoxe sorrisos desde a lembranza. E subido a ese sorriso solto estas palabras, que hoxe son pra ti, a miña irmá franca e valente que marcha pra sempre volver e que, aínda estando lonxe, non deixa nunca de estar.

 

E que pasa de mansións en Neuchatel e da Torre Eiffel porque prefire poñer a man no corazón e, se cadra, tamén comer coas mans…

 

Advertisements