Treboada…

20180319_192237

Non ten sentido queixarse pero, en ocasións, cansan as pancadas e as decepcións. De novo comprobo que toda situación é susceptible de empeorar.

Chove sobre o lombo aínda húmido e coa molleira toca seguir camiño no medio da treboada. Unha lanza cravada nos cadrís obriga a ir adiante, sen volta atrás. Sen posibilidade de coller aire nin de retroceder, nin pra tomar carreira. E imos borrándonos. Dilúese a nosa historia ata que sexamos nós os diluídos. Criamos cinza.

Pero non pretende isto ser unha queixa. Négome a vivir nun lamento. Négome a pensar que somos vítimas dos erros ou dos acontecementos. Non, non somos figurantes. Aínda que ás veces non poidamos escoller, somos protagonistas.

Os feitos golpean, teñen a forza da verdade. Son. E algúns non hai posibilidade de mudalos. A partir diso só queda a aceptación e a coraxe. O enfrontamento a peito descuberto. Porque imos espidos no campo de batalla, pero loitaremos.

Advertisements