Infinito…

019 infinito

Falamos de xustiza ou inxustiza na vida coma se tivéramos fondo coñecemento do que ambas son. Ás veces ocorre que miramos cara nós mesmos con demasiados bos ollos: cando a vida nos achega algo bo falamos de que é xusta, coma se foramos merecedores dese premio. E se, pola contra, nos golpea é, polo tanto, inxusta… Outras mirámonos con demasiada dureza valorando como xustas as desgrazas e inxustas as achegas positivas… Pero a vida transcorre e no seu andar non vai pesando iso, soamente é. E a nosa vida é o que escollemos facer con iso. E escollémolo agora.

E agora ando, outra vez, co amor no maxín…

Creo que é un erro sementalo co fin de recoller. Pois non é meta senón camiño. O amor non ten por que dar froito. O amor é semente e plantámolo porque facelo é o correcto. Non recoller é un simple contratempo. Do mesmo xeito que non se fai o ben porque se reciba algo a cambio. E nese mesmo sentido, debemos ser fieis a nós mesmos, á nosa cerna, aínda que se agoche, sen esperar que de volta nos veña recoñecemento en forma de amor ou ben.

O ben é amor e, se nos rebole dentro, é o mellor froito. Porque despois de todas as travesías, de todas as caídas e de todas as caricias, inmersos na nosa fugacidade, só o amor pode enchernos do infinito.

 

Advertisements