A Leonor e o Freddie…

20181126_173726

Comeza a cantarme “Bicycle Race” e eu apampo…

O Bruce é a hostia, claro. Segue sendo a hostia. Pero aínda así, no corazón que medra vigoroso dunha argalleira de seis anos, rebule con forza o Freddie.

O Freddie naceu tres veces. Antonte aprendino. Naceu primeiro como Farrokh. Logo naceu como Freddie e por último naceu como lenda. Seica o conta un libro sobre el. Pero a min contoumo ela. Un murmurio de aromas novo, un sorriso ante o murmurio dunhas flores, unha flor que acende o sorriso dun paxaro… E a min abráiame tanta luz, tantas luces que o seu alento ceiba en bandada. A vida esbozando loucura, a tenrura discorrendo vida…

Ando preso do baleiro dun dente e da plenitude dun truco de maxia que agocha e descobre dedos mentres o mundo xira…

A Leonor é un bico ó vento que pía melodías de estrelas nos segredos do tempo… E, feliz, agroma no prado dos días e debuxa corazóns en dedicatorias e galaxias en follas novas sen saber que é un milagre no universo porque unha pintora calada lle debuxa nos pés ás de unicornios.

E a Leonor voa mentres a Alexandra pinta.

 

Advertisements