Balance e camiños…

20180521_212736

Non sei se facer balance achega ou non algunha conclusión ou nos leva a algunha resposta. Sei, iso si, que calquera momento serve á hora de facer ese balance sobre unha época da nosa vida. Non necesariamente ha xurdir porque cambie o número de ano. Se ben, si que adoitamos ter ese costume e aproveitar ese cambio de ano pra avaliar o pasado desde a situación presente.

Non sei se o ano rematado foi bo ou malo. Supoño que tivo máis do segundo pero pra que queixarse… Ó final é unha cuestión de actitude.

Persoalmente podería falar de dor e aprendizaxe. Sen dúbida ambas palabras formaron parte deste ano pasado. A primeira levoume á segunda. Foron camiño pra chegar a onde estou, croios e lama pero tamén zapatos novos… Medrei grazas a ambas pero só estou disposto a carretar comigo a aprendizaxe, porque se nos estancamos na dor amárgasenos a viaxe. E dun túnel só se sae camiñando…

Miramos atrás e tentamos valorar por onde a vida nos encamiñou e cara onde nos encamiñamos nós. Medimos case cada decisión e, case sempre, facémolo só desde dúas posibilidades: acertada ou errada… Quen o sabe? Quizais deberíamos vivir de acordo a un acerto. Explícome. Tomamos unha decisión e dubidamos se foi a acertada. Pensamos que o tempo nolo dirá, pero case nunca nos achega esa resposta porque non podemos comparar o camiño escollido co que deixamos, pois este último só forma parte dunha idea. Así que mellor que non nos martiricemos e vivamos pensando que, fora como for, o camiño escollido foi o bo. Sinxelamente porque é o noso. E, precisamente porque é así, podemos escoller cara onde dirixiremos os seguintes pasos. Ou pode que a vida o faga por nós… Sexa como sexa, que sentido ten comparar algo que é con algo que non? A vida é. É o que está pasando agora e as circunstancias pasadas non as podemos cambiar. Pra que imos xulgar todo? Pra que imos pesar todo? Podemos comprender e podemos aprender. Pero o punto de partida pasa por aceptar. E se estamos dando pasos en falso é que non levamos o camiño correcto. E se non somos felices agora é que algo estamos a facer mal. Deixemos de cargar co pasado se só serve pra nos deter. Só é pasado. Se sorrío agora, todo toma unha mellor cor diante dos meus ollos.

Advertisements